Marián Ferreiro, asinou esta mañá en Santiago de Compostela o protocolo da campaña
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou esta mañá en Santiago de Compostela o protocolo da campaña “En Negro contra as violencias”, plasmando o compromiso do Concello naronés con esta iniciativa, contra a violencia machista e que impulsa varios actos de cara ao 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A rexedora local acudiu ao acto acompañada pola concelleira de Igualdade, Teresa Sabio. No marco desta campaña levaranse a cabo, en coordinación con outros concellos galegos, varias accións de sensibilización cidadá que se impulsarán entre tódolos sectores da sociedade.
Ás doce do mediodía os representantes institucionais que asistiron ao acto –deputadas, alcaldesas e alcaldes galegos- realizaron unha fotografía de familia na Praza do Obradoiro para, a continuación, dar paso ao acto institucional. Este último tivo lugar no Salón Nobre do Concello de Santiago, donde se presentou a convocatoria para dar paso ás intervencións de tres deputadas da Coruña, Lugo e Pontevedra; das alcaldesas de Allariz, Lugo, Moeche, Mugardos, Narón, Sarria e Tomiño e dos alcaldes de Nigrán e Vilar de Santos, para pechar o acto o rexedor local de Santiago de Compostela, Martiño Noriega.
A alcaldesa de Narón asegurou que os datos sobre violencia de xénero, en canto á protección policial, denuncias e asasinatos “seguen a ser aterradores”, e incidiu na importancia de facer políticas feministas e “actuar en todos os niveis porque é simplemente insoportable e as administracións locais temos a obriga de dar a ballata cos medios que temos ao noso alcance”. Ferreiro subliñou que iniciativas como “En Negro contra as violencias” son “fundamentais” e recalcou, ao remate da súa intervención, que “non haberá democracia plena mentres non exista igualdade plena entre homes e mulleres”.
A través desta iniciativa, convídase tamén á cidadanía en xeral a participar activamente na mesma, descargando material para difundir a través das redes sociais, nas empresas, establecementos, asociacións, centros educativos… As persoas interesadas en colaborar poden acceder ao material que pon a disposición a campaña “En Negro contra as violencias” a través da páxina web do Concello de Narón –www.naron.es- ou do enlace: https://ennegrocontraasviolencias.gal.