A Marcha Ciclista pola Igualdade e unha ofrenda floral no Monumento á Muller inauguraron os actos institucionais do 25-N que inclúen a iluminación en cor malva da fachada do Pazo da Cultura.
A praza da Gándara acolleu onte, desde as 11.00 horas, os actos centrais organizados polo Concello de Narón para conmemorar o Día Internacional contra a violencia de xénero.
Preto de medio milleiro de escolares dos colexios da Solaina, Virxe do Mar, Ayala, Santiago Apóstol, A Gándara e Nuestra Señora de Chamorro sumáronse á Marcha Ciclista pola Igualdade convocada pola concellería da área, que preside Teresa Sabio. O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu o acto, ao que tamén asistiron outros representantes da corporación local.
Os escolares colleron as súas bicicletas nos colexios pasadas as dez da mañá e saíron en dous grupos cara á praza da Gándara, para celebrar os actos do 25-N. Unha vez alí entregóuselles auga e laranxas. Ás 11.30 horas a edil de Igualdade leu unha moción dictaminada a favor na Comisión de Igualdade –e que irá mañá ao pleno- contra a violencia de xénero e a prol da creación do Estatuto do Feminicidio. No documento, asinado por TEGA, PSOE e BNG, incídese en que a violencia machista “é un dos problemas máis graves aos que se ten que enfrontar a nosa sociedade” e na necesidade de priorizar políticas que loiten contra esta lacra social.
O Concello de Narón comprométese neste documento a continuar traballando a prol da igualdade e contra a violencia de xénero. Ademais, o goberno local insta á Xunta e ao Goberno central a mellorar os servizos de atención ás vítimas, pór en marcha nos xulgados de Violencia de xénero o acompañamento xudicial personalizado e protexer e reparar o dano a menores vítimas desta lacra social, entre outras peticións.
Rematada a lectura José Manuel Blanco agradeceu a asistencia ao acto dos escolares naroneses e reafirmou o compromiso do Concello na loita contra a violencia de xénero. A continuación, xunto coa edil Teresa Sabio realizou a ofrenda floral ante o Monumento á Muller da praza da Gándara.
Os rapaces e rapazas presenciaron os actos institucionais que se levaron a cabo na praza da Gándara e ao remate dos mesmos regresaron aos seus respectivos centros escolares. Na actividade colaborou o equipo de Seguridade Vial do Concello de Narón, así como pais e nais dos alumnos e alumnas e tamén outros colectivos.
Por iniciativa da Concellería de Cultura iluminouse onte de cor malva a fachada -a zona de pedra e cristal- do Pazo da Cultura, entre as 18.30 e as 23.30 horas, como mostra de repulsa á violencia de xénero.
O programa de actos deseñado polo Concello para conmemorar o 25-N inclúe ademais unha exposición no Pazo da Cultura con murais realizados por nenos e nenas dos colexios de Narón. Poderá verse ata o 4 de decembro no horario de apertura habitual das instalacións.