Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no programa Conciliaescola Verán, no que o Concello de Narón ofrece 50 prazas para nenos e nenas deste municipio
A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida pola edil Teresa Sabio, abrirá do 9 ao 14 de xuño o prazo de inscrición para participar no programa Conciliaescola Verán. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello (en horario de 8:30 a 13:00 horas) e a concesión de prazas será por rigorosa orde de inscrición.
O Concello ofrece un total de 50 prazas para nenos/as de Narón con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. O programa desenvolverase durante o mes de xullo, dividido en quendas semanais (agás sábados, domingos e festivos):
- 1ª quenda: do 30 de xuño ó 4 de xullo.
- 2ª quenda: do 7 ó 11 de xullo.
- 3ª quenda: do 14 ó 18 de xullo.
- 4ª quenda: do 21 ó 24 de xullo.
- 5ª quenda: do 28 de xullo ó 1 de agosto.
Tódalas actividades do programa Conciliaescola se realizarán na Casa da Mocidade (A Gándara) en horario de 7:30 a 14:30 horas, e con carácter gratuíto. O obxectivo deste programa é facilitar ás mulleres a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, así como garantir o dereito de acceso á igualdade de oportunidades ás mulleres en risco de exclusión social e dos menores ó seu cargo.
Para lograr este fin, en Conciliaescola se promoverán actividades de sensibilización sobre coeducación e igualdade de xénero. Os nenos/as participantes realizarán xogos coeducativos divididos en dous ámbitos: tarefas domésticas (a través da promoción dun reparto equitativos das tarefas do fogar) e xogos alternativos (realización de xogos alternativos e populares, contacontos e cantaxogos para favorecer a cooperación e a coeducación).
Para máis información, os interesados en participar no programa poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal (981 33 77 00 extensión 1113). Esta actividade está subvencionada pola Deputación de A Coruña