A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, anunciou a apertura do prazo de inscrición no Campamento Semana Santa Organizado polo Concello para os días 11, 12, 13 e 18 de abril.
A edil naronesa explicou que se dirixe a menores de entre 3 e 12 anos (empadroados/as ou escolarizados/as en Narón) e que se ofertan un total de 30 prazas. “Este campamento que se levará a cabo en instalacións municipais aposta por fomentar a conciliación da vida laboral e familiar, programándose en horario de mañá”, apuntou Gómez.
O campamento desenvolverase entre as 9.00 e as 14.00 horas e tamén haberá servizo de madrugadores de 8.00 a 9.00 e de acompañamento ata a recollida a mediodía de 14.00 a 15.00, para adaptarse mellor ás necesidades das familias. “É unha proposta de balde na que se levarán a cabo unha gran diversidade de actividades adaptadas á idade das nenas e nenos aos que se dirixe e entre as que se reforzarán os contidos educativos transversais que incidan na educación para a paz e a non violencia, a igualdade de xénero, a diversidade, o coidado medioambiental…”, tal e como avanzou a concelleira de Igualdade.
As persoas interesadas en anotarse poderán facelo ata o vindeiro 25 deste mes ás 13.30 horas a través do Rexistro municipal ou da Sede Electrónica de Narón, onde está dispoñible toda a información sobre este campamento. As prazas adxudicaranse por sorteo e realizarase unha lista de agarda unha vez cubertas as 30 que se ofertan. A listaxe publicarase na web do Concello de Narón, onde previamente tamén se dará a coñecer o lugar, día e hora do sorteo público.
Para obter máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono: 981 337 700 (extensións: 1108, 1109 e 1115).