Aberta a inscrición para o obradoiro O noso momento

Publicado o 22 de Outubro de 2018

Dirixido a 12 mulleres a partir de 50 anos

A concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, informou sobre a apertura do prazo, o pasado venres, do obradoiro O noso momento, dirixido a un total de doce mulleres a partir de 50 anos. A través desta convocatoria, na que se abordarán temas como o autocoidado, as emocións, a diversión e o exercicio, entre outros, apóstase pola creación dun grupo de apoio para persoas con doenzas psicosomáticas e cunha rede de apoio social reducida, tal e como recordou a edil.

As participantes terán a oportunidade de compartir experiencias diarias nas sesións, que comezarán o 7 de novembro e que terán lugar ata o mes de xuño nas instalacións do Centro Comunitario das Vivendas da Mariña, cada mércores entre as 17.00 e as 19.00 horas. “O feito de dotar ás mulleres que participen dunha serie de ferramentas para ao autocoidado emocional e facilitarlles un espazo donde compartir experiencias e facer novas amistades, desconectando da súa rutina diaria, permitiralles acadar unha visión máis positiva sobre elas mesmas”, destacou Sabio, que animou ao colectivo ao que se dirixe esta proposta municipal a anotarse no obradoiro O noso momento.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo cubrindo o formulario oficial dispoñible no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.30 horas. Así mesmo, para obter máis información sobre este obradoiro pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (ext.:1108).