Aberta a inscrición no Programa de Envellecemento Activo

Publicado o 05 de Xullo de 2018

As instancias están dispoñibles no Rexistro Municipal

A concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, anuciou a apertura do prazo de inscrición nas actividades do programa municipal de Envellecemento Activo correspondentes ao curso 2018-2019.

As instancias están dispoñibles no Rexistro Municipal, no Servizo Sociocomunitario do Concello de Narón e tamén nas instalacións do Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros, donde se formalizarán e se irán adxudicando por orde de solicitude ata esgotar as prazas existentes.

 

  1. No que respecta ás actividades de ioga, ximnasia rehabilitadora e memoria, os maiores de 60 anos empadroados en Narón poderán anotarse do 2 ao 13 de xullo, se ben as persoas menores desa idade terán que facelo entre os días 16 e 31 deste mes e, indicou Sabio, neste último caso será preciso aportar un informe médico que aconselle a realización da actividade solicitada. Terán preferencia os maiores de 60 anos e se quedan vacantes cubriranse con persoas de menor idade (co citado informe) de Narón e, no caso de que non se completen abrirase a veciñas e veciños doutros concellos que cumpran os requisitos esixidos, tal e como explicou a edil. Nestes casos as inscricións deben formalizarse a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, tal e como indicou Sabio.
  2. As novas inscricións en Música coral poden tramitarse ata o 13 de xullo no caso dos maiores de 60 anos e do 16 ao 31 deste mes os menores de 60, tamén a través do Servizo Sociocomunitario 
  3. Así mesmo, Sabio recordou que nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros se tramitarán tanto as novas matrículas en actividades de Apoio á informática, Labores, Curso de Comunicación, Obradoiro de Lecto-escritura e Cancións de animación –ata o 13 de xullo para os maiores de 60 anos e do 16 ao 31 deste mes os menores desa idade- como as de outras actividades do programa comunitario (para todas as idades). Entre esta última proposta a cidadanía pode elixir clases de: Pilates, Zumba, Danza oriental, Musicoterapia, Bailes latinos, Corte e confección, Debuxo e pintura, Internet, Manexo de Móbil intelixente, Conversa en inglés, Iniciación á guitarra, Cociña para persoas adultas, Ioga para bebés e Cociña creativa infantil. Para máis información sobre estas últimas, pódese contactar coas citadas instalacións a través do número de teléfono 981 102 152.

 

A concelleira de Promoción Social animou ás veciñas e veciños da cidade a inscribirse nestas actividades “que ofrecen unha gran variedade de propostas a través das que mellorar a calidade de vida ou os  seus coñecementos sobre determinadas áreas e tecnoloxías”.