O pavillón polideportivo da Gándara acollerá a “XIV Copa Galicia Feminina de Fútbol Sala”

Publicado o 10 de Maio de 2021

O evento deportivo celebrarase o día 15, ás 17.00 horas nas instalacións do polideportivo municipal

 

 

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá no Concello a “XIV Copa Galicia Feminina de Fútbol Sala” xunto con Pablo Prieto, presidente do Comité Galego de Fútbol Sala; Abraham Yáñez, delegado da Real Federación Galega de Fútbol; Juan Manuel Díaz, delegado local do Colexio Galego de Árbitros de Fútbol Sala; Almudena Fariña e Rafael Pazos, presidentes do Club Cidade de Narón e do Narón-O Freixo, respectivamente, e dúas xogadoras do Burela-Pescados Rubén e Ourense-Envialia FS e unha árbitra. O Concello e a Real Federación Galega de Fútbol organizan este evento deportivo que se celebrará o vindeiro sábado, día 15, ás 17.00 horas nas instalacións do polideportivo municipal da Gándara.

A alcaldesa agradeceu o traballo realizado para que este evento poida disputarse na cidade e destacou a aposta do Consistorio naronés polo deporte en xeral e, en particular do feminino. Ferreiro subliñou que “é un orgullo acoller este partido da Copa Galicia feminina de fútbol sala na cidade e colaborar na organización desta convocatoria na que se reunirán dous importantes equipos galegos”. A rexedora local e o concelleiro de Deportes valoraron a implicación dos clubs Cidade de Narón e Narón-O Freixo e tamén a colaboración do Centro de Recursos Solidarios de Narón.

Pola súa parte, Pablo Prieto agradeceu a implicación do Concello naronés. “Narón é como a nosa casa e queremos destacar a súa axuda e tamén a do Cidade de Narón e do Narón –O Freixo pola súa boa disposición e colaboración cada vez que organizamos aquí algún evento”. 

As xogadoras do Burela-Pescados Rubén e do Ourense-Envialia FS veranse de novo na pista de xogo tras alzarse o Pescados Rubén coa Copa da Raíña hai uns días nun enfrontamento entre os dous equipos. O aforo do partido é dunhas duascentas persoas cun protocolo específico, debido á actual situación sanitaria. 

Na mesma liña de agradecementos se pronunciou Abraham Yáñez, que destacou a predisposición do Concello a colaborar nestes eventos. “Para min, como naronés é un orgullo contar con ese vínculo permanente do Concello e dos clubs de Narón”.

Dende a organización animouse á cidadanía a acudir a este evento, para o que se poden adquirir as entradas na taquilla do pavillón o mesmo día do evento.