O Concello presenta o vídeo “Narón en negro contra a violencia de xénero” e os actos do 25N

Publicado o 24 de Novembro de 2020

O mércores ás 12.00h haberá un minuto de silencio para lembrar ás vítimas

 

 

O pasado mércores, día 18, iniciábanse no Concello os actos do programa do Día Internacional contra a violencia de xénero coa apertura da exposición “A violencia contra as mulleres e as nenas”, con máis de medio centenar de obras sobre a violencia machista e que poderá verse ata o vindeiro luns na Biblioteca municipal. Esta mesma mañá o Concello acollía un acto presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e ao que acudiron integrantes do Consello Sectorial de Igualdade e representantes da corporación local e que consistiu na proxección do vídeo “Narón en negro contra a violencia de xénero”.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, Mar Gómez, participaron neste vídeo xunto con integrantes do Consello Sectorial de Igualdade: a edil de Benestar Social, Catalina García, a edil Olaia Ledo e, en representación das entidades: María Aneiros, de Cogami; Cristina Taboada, de Acadar; Paula Gárate, da Asociación Cultural ASCM; Susana Carregado, da Asociación de Xordos Ferrolterra; María Paz Lorenzo, do Patronato Concepción Arenal; Margarita Leiracha, da AVV do Val e Manuela Beceiro, da Asociación de Mulleres Rurais Ferrerías. Unha representación do colectivo acudiu hoxe á presentación deste vídeo no salón de plenos do Concello e levaron como agasallo unha máscara conmemorativa do 25N e unha imaxe súa da participación na campaña.

Na proxección as mulleres amosan diferentes mensaxes contra a violencia de xénero, coas que se retrataron para editar o traballo presentado hoxe e que pode verse a través do Facebook do Concello de Narón e se enviou pola canle de Whatshapp “Novas Narón”.

A programación do 25N continuará mañá ás 10.30 horas, coa Marcha Ciclista e os xogos feministas contra a violencia de xénero. Ferreiro explicou que debido á actual situación sanitaria a tradicional Marcha Ciclista pola Igualdade trasládase da rúa ás aulas e as rapazas e rapaces de quinto e sexto de Primaria de Narón pedalearán en bicis estáticas que se instalarán en cada colexio participante e nas que, seguindo un vídeo realizado polo equipo de Educación Viaria, irán realizando un circuíto virtual que discurre polos colexios de Narón, respostando a varias preguntas do xogo feminista “Quen é quen?” para rematar a ruta xunto ao Monumento á Muller, na Praza da Gándara. Unha vez na meta poderán escoitar unha mensaxe da alcaldesa con motivo desta xornada, agradecendo a súa participación. Todos os participantes recibirán como agasallo unha máscara infantil conmemorativa do 25N, ao igual que se entregaron tamén para adultos á monitoraxe das escolas deportivas e culturais municipais, persoal da Biblioteca, do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, entre outros.

Outra das propostas do Día Internacional contra a violencia de xénero programouse mañá ás 12.00, cando se secundará un minuto de silencio tras adherirse á convocatoria “Un minuto por las víctimas de violencia de género en España”, impulsada pola Delegación do Goberno contra a violencia de xénero. O Concello adheriuse ademais á campaña “En Negro” e tamén á promovida pola Deputación da Coruña “Só hai unha forma de mirala. DE FRONTE á violencia de xénero”. Na noite de mañá mércores tamén se iluminarán de cor malva a fachada do Pazo da Cultura e a glorieta de Freixeiro.

Finalmente, o vindeiro venres, día 27, presentarase no Café Teatro do Pazo da Cultura ante a comunidade educativa de Narón o “I Plan de Igualdade Intercentros de Ensino do Concello de Narón”. Acudirá á convocatoria persoal do Concello e o director ou directora de cada centro de ensino da cidade.