O Pleno do Concello de Narón insta á Xunta de Galicia á posta en marcha dun Plan de Emprego para as mulleres. Declaración institucional do Día Internacional da Muller
O Pleno do Concello de Narón insta á Xunta de Galicia á posta en marcha dun Plan de Emprego para as mulleres que incida na incorporación das mulleres ao emprego remunerado, que recolla medidas concretas para garantir o principio de a igual traballo igual salario, que incorpore liñas específicas para atallar a discriminación das mulleres nos ámbitos produtivos (labregas, mariscadoras, redeiras,..) nos que hai unha importante presenza feminina.
Acordo do Pleno do Concello de Narón
- O Concello de Narón comprométese a traballar para asegurar unha participación equilibrada de mulleres e homes en espazos de responsabilidade desta entidade local.
- O Concello de Narón continuará a desenvolver accións de sensibilización necesarias para promover a corresponsabilidade de mulleres e homes no eido doméstico.
- Dende este Concello se incorporará a dimensión de xénero en todos os Plans, Programas e demais actuacións que se poñan en marcha dende o ente local, como resposta á crise económica, financeira e de emprego, tendo en conta o distinto impacto que esta ten en mulleres e homes.
- O Concello de Narón adhírese á “Declaración de Cádiz, cara a unha sociedade máis eficaz e sostible”, subscrita por ministras e líderes políticas dos Estados membros da UE.
- Realizar actos de conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, que impliquen a sensibilización social sobre a discriminación das mulleres, comprometendo ao conxunto de veciños e veciñas, asociacións e entidades deste concello.
- Realizar ao longo deste ano actos que promovan a difusión masiva da obra e vida de Rosalía de Castro, resaltando, tanto o seu papel na dignificación e recuperación da lingua galega, como no contido feminista da súa obra.
- Instar á Xunta de Galiza a posta en marcha a seguinte actuación:
Elaboración dun Plan de Emprego para as Mulleres, que incida na incorporación das mulleres ao emprego remunerado, que recolla medidas concretas para garantir o principio de a igual traballo igual salario, que incorpore liñas específicas para atallar a discriminación das mulleres nos ámbitos produtivos (labregas, mariscadoras, redeiras,..) nos que hai unha importante presenza feminina.
Desenvolvemento das actuacións previstas na Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero.
Darase traslado deste acordo ao Parlamento de Galicia, ao Ministerio de Igualdade e ao Parlamento Europeo.