O Concello entregou os premios do “Concurso de Fotografía pola Igualdade para Escolares”

Publicado o 08 de Abril de 2021

A iniciativa, organizada con motivo do 8M, busca promover e concienciar sobre a igualdade no eido estudiantil

 

 

As concelleiras de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse a mañá do pasado mércores, 7 de abril,  aos colexios Jorge Juan e Virxe do Mar de Narón para entregar os premios do “I Concurso Concello de Narón de Fotografía pola Igualdade para Escolares”, organizado polo Concello con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Todos os alumnos e alumnas que participaron na convocatoria recibiron como agasallo un diploma que acredita esa participación e tamén unha bolsa reutilizable, unha libreta e un bidón de aluminio para a auga conmemorativo desa data. Pola súa banda os dous centros recibiron xogos educativos para utilizar nas aulas –que se entregarán en todos os colexios- un diploma tamén pola súa participación e un lote de libros sobre a temática da Igualdade para a biblioteca destes dous centros.

Na categoría de quinto de primaria os gañadores foron: o traballo titulado “Nós sumamos”, presentado por Alexia Pita de Carvalho, Antía Lagares, Miguel Porto e Bolívar R. Román, do CPR Jorge Juan, e o que levou por título “Así me sinto eu”, de Sabela Gómez, do CEIP Virxe do Mar. No que respecta á categoría de sexto de Primaria o traballo premiado do CRP Jorge Juan foi: “Nin primeiras nin derradeiras…”, no que participaron dous grupos de cinco persoas cada un: Victoria de Freitas, Daniel Espada, Carmen Faure, Noa Ardao, Julián Rodríguez, Natalia Santabaya, Santiago Izquierdo, Julia Rodeiro, Daniel Martínez e Sofía Prados e no CEIP Virxe do Mar obtivo o premio “Eu cociño sempre”, de Icía Dopico.

A creatividade, orixinalidade, adecuación ao tema, capacidade e claridade para transmitir a mensaxe e o grao de contribución á sensibilización e concienciación na poboación escolar en materia de Igualdade foron os criterios que valorou o xurado á hora de premiar os traballos presentados.

As edís naronesas felicitaron ao alumnado dos dous centros e agradeceron a súa implicación, destacando a necesidade de continuar traballando xuntos “para acadar a tan necesaria igualdade real entre homes e mulleres”.