A Cea das Mulleres de Narón acolleu no restaurante Casa Becerra, en Narón, a homenaxe a catro Mulleres do Ano de Narón.
Xunto coa nomeada como Muller do Ano de Narón 2023, a empresaria Eva María Pena Novo, propietaria de Calzados Mara, tamén se fixo o propio xunto coas nomeadas nas tres edicións anteriores, debido a que a pandemia da Covid-19 impediu convocar esta celebración.
A condutora do acto foi a actriz naronesa Iolanda Muíños, que presentou ás asistentes á convocatoria, entre elas a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, a edil de Igualdade, Mar Gómez, e outras representantes da corporación local.
A profesora Julia Rodríguez, a integrante de Protección Civil Manoli Castro e a presidenta da AVV Virxe de Fátima e vicepresidenta da Sociedade Cultural Areosa de Piñeiros, Maribel Mouriz, Mulleres do Ano de Narón nos anos 2020, 2021 e 2222, respectivamente, recibiron por sorpresa este recoñecemento público xunto con Eva María Pena, se ben cada unha delas tivo o seu propio espazo, no que se proxectou un vídeo cunha entrevista a cada unha delas e tamén tiveron a oportunidade de dirixirse ao resto de mulleres que as acompañaron. Ao remate de cada proxección dos vídeos a alcaldesa entregoulles un ramo de flores para despois tomar a palabra.
Ferreiro asegurou, en relación ás homenaxeadas, que “nos sentimos moi orgullosas de cada unha de vós”, e mencionou tamén a Iolanda Muíños, a presentadora do acto, que conta tamén coa distinción de Muller do Ano de Narón dende o ano 2013. “As vosas traxectorias son un exemplo para moitas de nós e tamén para outras persoas que non puideron acompañarnos hoxe”, apuntou a alcaldesa, que lles reiterou os parabéns por ese nomeamento, aprobado no pleno municipal, e as animou a desfrutar do seu día.
Tralas intervencións todas as mulleres desfrutaron dunha cea e posteriormente dunhas horas de música e baile para pechar este novo acto enmarcado no programa municipal do Día Internacional das Mulleres.