Continúa a exposición itinerante coa que o Concello homenaxea o importante rol das mulleres na historia de Narón
A exposición fotográfica itinerante “Mulleres en Narón” trasladouse novamente de ubicación e dende esta tarde ata o 31 de marzo permanecerá nas inmediacións do Centro cívico social do Val para posteriormente levala á praza do antigo Concello de Xuvia, donde estará tamén unha semana, tal e como indicou a edil de Igualdade, Mar Gómez.
A exposición consta de tres paneis temáticos centrados no papel da muller e nos que se pode ver ás mulleres que recibiron a distinción de “Muller do Ano de Narón” entre os anos 2016 e 2020 incluídos; información sobre a Revolta Popular de 1918 e as súas consecuencias en Narón e os recursos que ten o Concello en materia de Igualdade.
Gómez recordou que a exposición xa se instalou na Praza da Gándara e estivo ata o pasado xoves na Praza de Galicia. Así mesmo, animou á veciñanza a acudir a ver os diferentes paneis “para coñecer un pouco máis parte da historia da nosa cidade, na que as mulleres tiveron un papel moi importante e que dende o Concello quixemos recoñecer, a modo de resumo, con esta mostra con motivo do Día Internacional da Muller”.