Os soportáis do Pazo da Cultura acollen ata o vindeiro 2 de marzo a exposición itinerante “Sinaladas”, unha mostra de rúa destinada ao espazo público e impulsada a través da Deputación da Coruña
A mostra intégrana un total de 39 paneis a través dos que se “pretende divulgar a figura de mulleres e movementos co obxectivo de ofrecer unha visión global da memoria das mulleres e seguir construíndo referentes”, tal e como indicaron.
As revoltas agrarias, a represión do movemento obreiro por parte do franquismo, as mulleres pioneiras na política, a situación educativa da muller durante a II República e o franquismo, entre outros, son os temas que se abordan nesta exposición. A maiores, acompáñase dunhas unidades didácticas para planificar o proceso de ensinanza e aprendizaxe para grupos de escolares.