Alumnado gañador do Concurso de Fotografía pola Igualdade para escolares

Publicado o 18 de Marzo de 2021

Os premios foron para as alumnas e alumnos de quinto e sexto de primaria do CPR Jorge Juan

 

 

Alumnado de quinto e sexto curso do CPR Jorge Juan obtivo os premios das dúas categorías do “I Concurso Concello de Narón de fotografía pola Igualdade para Escolares” organizado polo Consistorio con motivo do Día Internacional da Muller. As edís de Igualdade, Mar Gómez, e de Ensino, Mercedes Taibo, reuníronse cos integrantes do xurado para valorar os traballos, puntuando a súa creatividade, orixinalidade, adecuación ao tema, capacidade e claridade para transmitir a mensaxe e o grao de contribución á sensibilización e concienciación na poboación escolar.

Na categoría de quinto de primaria o gañador foi o traballo titulado Nós sumamos”, presentado por Alexia Pita de Carvalho, Antía Lagares, Miguel Porto e Bolívar R. Román. Na de sexto de Primaria o traballo premiado foi “Nin primeiras nin derradeiras”, no que participaron dous grupos de cinco persoas cada un: Victoria de Freitas, Daniel Espada, Carmen Faure, Noa Ardao, Julián Rodríguez, Natalia Santabaya, Santiago Izquierdo, Julia Rodeiro, Daniel Martínez e Sofía Prados.

Os agasallos entregaranse nun acto público nun acto que se programará proximamente, tal e como avanzaron as edís naronesas. Os alumnos e alumnas premiadas recibirán como agasallo un diploma acreditativo e, como o resto de participantes, levarán tamén un bidón de aluminio para a auga conmemorativo do 8M. No caso dos centros participantes tamén se entregarán xogos educativos para utilizar nas aulas. Gómez e Taibo felicitaron aos premiados e agradeceron a participación no certame, convocado por primera vez este ano e tamén a implicación do profesorado e do xurado.