Alumnado asistiu á proxección do documental “Noite irisada”

Publicado o 31 de Maio de 2021

O relato da loita dos colectivos LGTBI ofrece unha visión xeral dos cambios socioculturais ao longo da historia.

 

 

Alumnado de terceiro curso de ESO do IES As Telleiras e de cuarto da ESO do CPR Santiago Apóstol asistiu á proxección do documental “Noite irisada”, da Deputación da Coruña e dirixido por Begoña V. Campaña. As concellerías de Igualdade, Benestar Social e Ensino, dirixidas polas edís Mar Gómez, Catalina García e Mercedes Taibo, respectivamente, impulsaron esta iniciativa de cinefórum –de unha hora de duración- trala que as rapazas e rapaces reflexionaron, nun debate, sobre a loita do colectivo LGTBI en Galicia e as percepcións actuais sobre a visibilización da diversidade sexual.

O filme “Noite irisada” é un relato da loita dos colectivos LGTBI en Galicia e ofrece unha visión xeral dos cambios socioculturais que se sucederon ao longo da historia –homosexualidade, homofobia, represión franquista…-. O documental foi nomeado aos Premios Mestre Mateo do ano 2020 e amosa o testemuño de varias persoas que viviron a súa condición sexual na clandestinitdade, activistas que loitaron por dereitos fundamentais e, en definitiva, sobre o amor, o respecto e a loita. 

A través destas proxeccións, tal e como indicaron as edís naronesas, “sensibilízase ao alumnado sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e igualdade de xénero”. Estas actividades son a antesala doutras que xa están programadas dende o Concello para o vindeiro mes de xuño e coas que se conmemorará o Día Internacional do Orgullo LGTBI, o 28 de xuño.