Os edís de Sanidade, Santiago Galego, e Igualdade, Mar Gómez, presentaron o programa “Benestar e movemento”, co fin de constituír un grupo de actividade física para persoas con doenzas crónicas.
A iniciativa diríxese a persoas empadroadas en Narón, maiores de 18 anos e que padezan algunha enfermidade crónica. Os concelleiros naroneses anunciaron que o prazo para anotarse neste programa abrirá o venres 1 de outubro ata esgotar as prazas dispoñibles, un máximo de trinta. As inscricións poden realizarse a través da Sede Electrónica de Narón, do Rexistro municipal ou de calquera do lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
O programa desenvolverase entre os meses de outubro e decembro deste ano no Centro Cívico Social de Xuvia e habilitaranse tres grupos dun máximo de dez persoas cada un. Os horarios serán, en función das quendas: luns de 10.30 a 12.00 horas; venres de 10.00 a 11.30 ou de 11.30 a 13.00. “Trátase dunha proposta de balde e que ten entre os obxectivos que as persoas con enfermidades crónicas realicen exercicio físico para levar mellor os procesos das súas doenzas e alcancen así un maior benestar”, explicaron os edís.
As prazas dispoñibles tramitaranse por rigorosa orde de inscrición e as persoas interesadas en obter máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do teléfono 981 337 700 (extensións: 1115, 1108 e 1109).