Aberto o prazo de inscrición no Obradoiro de Benestar para mulleres maiores de 50 anos

Publicado o 05 de Febreiro de 2021

O obradoiro desenvolverase en sesións dunha hora e media semanal entre os meses de febreiro e xuño

 

 

O Concello de Narón organiza un Obradoiro de Benestar para mulleres maiores de 50 anos dirixido a este colectivo e, en específico, a aquelas con doenzas psicosomáticas, depresión, ansiedade… cunha rede de apoio social escasa. A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, explicou que os grupos, tres en total, estarán formados por un máximo de sete persoas, das que catro participarán de xeito presencial e as tres restantes na modalidade en liña.“As modalidades establecidas poderán flexibilizarse atendendo en cada momento á normativa en vigor derivada da pandemia pola Covid-19”, avanzou Gómez.

As sesións, de balde, desenvolveranse entre este mes e o xuño deste ano no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. O primeiro grupo reunirase os martes, de 10.00 a 11.30; o segundo tamén os martes pero de 16.00 a 17.30 e o terceiro os mércores de 16.00 a 17.30 horas.

Utilización do teléfono móbil, o mundo emocional, autoestima, coñecemento e autocoidado emocional, perspectiva de xénero, a importancia da relaxación e o exercicio físico, meditación e mindfullness, a nosa relación coa dor e kit de vida saudable son algúns dos contidos que abordarán as mulleres que participen nesta convocatoria.

As inscricións xa poden tramitarse, ata esgotar as prazas dispoñibles, no Rexistro municipal, na Sede Electrónica do Concello ou a través de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O formulario para as inscricións está dispoñible na Sede Electrónica do Concello naronés, onde tamén se publicará o listado provisional e definitivo das persoas admitidas e excluídas neste obradoiro.

“Un dos obxectivos desta convocatoria é crear unha rede social de apoio, un espazo de aprendizaxe onde as mulleres ás que se dirixe poidan mellorar o seu benestar, tanto a nivel físico como emocional, e ao mesmo tempo ofrecerlles un lugar no que compartir experiencias e desconectar da súa rutina diaria”, explicou Gómez.