Unha enquisa na que un total de 467 persoas puideron compartir a súa experiencia de conciliación durante a pandemia.
Un total de 467 persoas participaron no estudo “Conciliación en tempos de covid-19” impulsado dende o Concello cubrindo unha enquisa en liña na que tiveron a oportunidade de compartir a súa experiencia de conciliación durante a pandemia. A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, explicou que “nestes momentos estamos traballando na segunda fase deste proxecto” e avanzou que xa se convocou un grupo de debate con alumnado do colexio Ponte de Xuvia e tamén outro con familias do alumnado no Centro Cívico Social de Xuvia.
García avanzou que o vindeiro 31 de maio está programado un último grupo de debate desta iniciativa no que participarán familias do barrio da Solaina. “O obxectivo destes faladoiros é coñecer de primeira man os relatos da situación que viviron as veciñas e veciños de Narón, tanto adultos como menores, e tamén a que seguen a vivir neste proceso no que nos atopamos de regresar pouco a pouco á normalidade”.
A edil naronesa agradeceu a colaboración de todas as persoas que están participando nas actividades organizadas a través do estudo “Conciliación en tempos de covid-19” e indicou que a finais do vindeiro mes de xuño presentaranse os resultados.