O Consello Xeral de Participación cidadá celebrou unha reunión de carácter anual a pasada semana.
Este Consello contou coa participación da concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, e de representantes dos grupos políticos de TEGA, PSOE e PP. Tamén coa intervención de José Manuel Pérez, do equipo da empresa responsable do informe sobre a incorporación da perspectiva de xénero no PXOM. Estiveron tamén representados na convocatoria veciños e veciñas das asociacións Altea, de Xuvia, Virxe de Fátima, de Freixeiro; O Couto e Chafarís, do Alto, e dos Consellos Territoriais da Gándara, Piñeiros, Areosa, O Val, O Couto, Santa Icía, o Alto, Nosa Señora de Chamorro, Asociación Sociocultural ASCM, Asociación Áurega e a Asociación Cultural Narart.
García explicou que ao inicio da reunión procedeuse a aprobar a acta da sesión previa para, a continuación, informar á veciñanza que acudiu á convocatoria das liñas xerais do orzamento deste ano, xa en vigor. Así mesmo, abordáronse temas como a importancia da revisión con perspectiva de xénero do PXOM e actualizáronse cuestións compartidas nos Consellos Territoriais, como intervencións na vía pública, de accesibilidade, saneamento, xestión de residuos e transporte público.
A edil responsable de Participación Cidadá avanzou tamén que o mes de marzo se iniciará acordando coas asociacións veciñais unha nova axenda de Consellos Territoriais, que se desenvolverán dende o mes de abril ata xuño deste ano. “Quero agradecer a participación dos representantes de asociacións e entidades que acudiron a esta convocatoria, de gran importancia para coñecer actuacións en marcha e previstas polo Concello e nas que dende o goberno local queremos contar coa implicación das veciñas e veciños da cidade”.