As concelleiras de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, desprazáronse ao Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros para ver dúas exposicións en homenaxe ao pobo xitano de Narón.
As mostras poderán verse ata o vindeiro 10 de abril e programáronse con motivo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que será o 8 de abril. “Somos xitanos e xitanas de Narón e esta é a nosa historia” e “Homenaxe ao pobo xitano de Narón” son os títulos destas mostras, ás que dende o Concello se anima a acudir á cidadanía co fin de rachar estereotipos da sociedade en xeral cara á poboación xitana amosando secuencias da súa vida.
A mostra “Somos xitanas e xitanos de Narón e esta é a nosa historia” está formada por un total de 13 fotografías e a de “Homenaxe ao pobo xitano de Narón”, por un total de 20. En ambos casos, a través das imaxes apóstase por darlle visibilidade ao colectivo e facer reflexionar á sociedade sobre as persoas desta etnia, máis integradas na actualidade pero sobre as que en determinadas áreas existen, tal e como elas mesmas manifestan, algunhas reticencias.
Dende o Concello tamén se fixo chegar aos centros de ensino da cidade, para alumnado de terceiro a sexto de Primaria, unha unidade didáctica para traballar sobre esta temática. O documento poderase descargar tamén da web municipal.
Outra das iniciativas municipais consistirá na entrega de marcapáxinas coa bandeira e o himno xitano a vindeira semana nas instalacións da Biblioteca municipal do Alto, a Axencia de Lectura da Gándara e a Ludoteca da Solaina, ás usuarias e usuarios das instalacións. A maiores, dende o Concello tamén se colocará a vindeira semana a bandeira xitana, en sinal de homenaxe a este pobo.
Finalmente, entre o 10 e o 14 de abril haberá unhas xornadas de portas abertas na Casa da Cultura, onde traballa a asociación Acción Familiar Ferrol, con persoas do colectivo, tanto menores como participantes nos obradoiros de manualidades e costura. Entre as 9.30 e as 14.00 horas poderase ver o traballo que realizan ao longo do ano dende a citada entidade.