A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida pola edil Teresa Sabio, ven de convocar unha nova edición do programa ConciliaEscola, pensado para nenos/as de Narón con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, cuxas nais teñen que conciliar o traballo co seu coidado
O prazo de inscrición está aberto e haberá 89 prazas subvencionadas para nenos/as empadroados en Narón, que pagarán unha taxa de 30€. Para os non empadroados en Narón, o prezo será de 80€. ConciliaEscola desenvolverase do 9 ó 27 de xullo, en tres turnos:
- Do 9 ó 13 de xullo: 1ª quenda (29 prazas)
- Do 16 ó 20 de xullo: 2ª quenda (30 prazas)
- Do 23 ó 27 de xullo: 3ª quenda (30 prazas)
O horario establecido é de 10 a 19 horas. Para informarse e inscribirse, haberá que acudir ó Servizo Sociocomunitario Municipal (1º andar do Concello) ou ben chamar ó teléfono 981337700 extensión 1113, en horario de 9:00 a 13:00 horas.
O programa ConciliaEscola desenvolverase no parque temático de Aldea Nova (Sedes) onde se levarán a cabo as seguintes actividades:
- Xogos tradicionais (a chave, a rá, os birlos, o aro, as buxainas…)
- Enerxías renovables (experimentar e aprender coas novas tecnoloxías, cociñar na cociña solar, facer motores…)
- Astronomía (identificar as diferentes constelacións, planetas e demais obxectos do ceo no planetario inchable ou no mesmo ceo cos telescopios)
- Pegadas, rastros e sinais (recoñecer animais de diferentes maneiras sen necesidade de velos, e poderán facer un taller das pegadas dos animais)
- Agroecoloxía (labores na horta de forma ecolóxica e tradicional)
- Supervivencia (saber orientarse no medio físico)
- Cometas (aprender a facer cometas)
- Gandería (coñecemento e coidado dos animais de granxa)