Inaugúrase este sábado o ciclo de conferencias “A saúde mental é cousa de todos e todas”

Publicado o 15 de Febreiro de 2023

O ciclo de conferencias “A saúde mental é cousa de todos e todas” dará comezo este sábado, ás 11.00 horas, no salón de actos do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.

 

 

O psicólogo, psicoterapeuta e escritor Luis Muíño será o encargado de inaugurar este ciclo, cunha charla sobre “Que é e que non é estar tolo?”. O Concello organizou a través da área de Sanidade, que preside o edil Santiago Galego, o programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental, no que se enmarca esta actividade e se programaron outras, abertas á participación da cidadanía en xeral, e que rematarán no mes de xuño.

A prevención da depresión e outras doenzas e a mellora da saúde mental estarán moi presentes en todas estas iniciativas impulsadas dende o citado programa municipal. 

Así mesmo, dun xeito paralelo, as persoas que estean a sufrir ansiedade, depresión ou algún tipo de doenza relacionada coa saúde mental e queiran participar como voluntarias ou voluntarios poderán facelo a través do programa. En total, oito persoas de entre 18 e 70 anos poderán compartir a súa experiencia participando en tres ou catro encontros de dúas horas de duración cada un para recoller información e compartila. As persoas interesadas poden remitir un correo electrónico á dirección: info@paula-paz.com

A segunda cita deste mes de febreiro será o día 25, tamén ás 11.00 horas no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. O licenciado en INEF e fisioterapeuta Camilo Rivas e o licenciado en Cafyde e especialista en actividade física terapéutica Jorge Cabana serán os encargados da charla “Inflúe o que me movo na miña saúde mental?”.