A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou xunto coa edil de Igualdade, Mar Gómez e a responsable do Servizo Sociocomunitario, Mercedes Taibo, os actos programados dende o Concello con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O acto central, tal e como avanzou Ferreiro, desenvolverase na cidade ese mesmo día, coa tradicional homenaxe á Muller do Ano de Narón 2023 no Concello -12.00 horas- e coa posterior visita na Praza da Gándara á exposición “8M Mulleres de Narón”.
A mostra está composta por varios tótems, entre eles un coas mulleres que recibiron a distinción de Muller do Ano de Narón e outro de destacadas feministas como a xornalista Virginia Bolten, a ecoloxista Vandana Shiva, Emmeline Pankhurst e as súas fillas Chistabel e Sylvia, a feminista das novas xeracións Emma Watson… entre outras.
Na mesma xornada do 8 de marzo iluminaranse de cor malva o Pazo da Cultura, a Casa da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado en Xuvia. Entre os actos centrais está tamén a celebración o vindeiro 10 de marzo da tradicional Cea das Mulleres, que terá lugar no restaurante local Casa Becerra. A cita será ás 21.30 horas e as persoas interesadas en acudir deben anotarse no citado establecemento.
Dende hoxe poderase ver no Facebook do Concello un vídeo no que participaron veciñas e veciños da cidade para falar de igualdade e conciliación, muller e saúde, tecnoloxía e violencia machista.
A programación global de conmemoración do Día da Muller comezará a desenvolverse coincidindo co inicio do mes de marzo, coa mostra de libros e outros materiais que tratan a situación da muller ao longo da historia: “Letras que r8Mpen o teito de cristal”, que se poderá ver ata o día 11 de marzo na Biblioteca. O propio día 11 nas citadas instalacións tamén se poderá asistir ao contacontos “E ti que queres ser de maior?”, un contacontos para público infantil e familiar a cargo de Trémola Teatro e que reflexiona sobre os prexuízos e estereotipos relacionados coas profesións.
Así mesmo, mañá o Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollerá ás 11.30 horas a presentación da segunda edición do libro “As Mulleres de Narón”.
Os centros de ensino da cidade acollerán en marzo obradoiros sobre a historia do feminismo e participarán no deseño de exposicións, unhas propostas dirixidas a escolares de terceiro e cuarto curso de Primaria e primeiro da ESO. Serán tamén as nenas e nenos os protagonistas dunha proposta deseñada na Ludoteca da Solaina, onde do 6 ao 10 de marzo levaranse a cabo obradoiros de xogos feministas e actividades de animación á lectura.
Esta mesma fin de semana, comezará o VIII Festival Internacional do monólogo teatral Singular, unha convocatoria cultural no Pazo da Cultura protagonizada por mulleres e que inclúe espectáculos para público adulto, infantil e tamén outras actividades paralelas, como unha rolda de negocios…….
No ámbito deportivo, este domingo ás 11.00 horas sairá do pavillón polideportivo da Gándara a “II Carreira e andaina pola Igualdade”, cuxo prazo de inscrición remata mañá pola noite e no que xa están anotadas unhas 400 persoas.