28 de xuño: Día da Diversidade Sexual
O Concello de Narón adheriuse á campaña Liberdade de ser e sentir!, impulsada pola Deputación da Coruña con motivo da conmemoración do Día da Diversidade Sexual, que se conmemorará o vindeiro 28 de xuño. As áreas de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da administración provincial promoven esta iniciativa, aberta á adhesión dos concellos e coa que se trata de sensibilizar á cidadanía e visibilizar a importancia da tolerancia e igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero, tal e como explicaron dende a organización.
O Concello colaborará na difusión de material relativo a esta campaña, co fin de respaldar os obxectivos da mesma e avanzar cara á plena igualdade social, contemplándose ademais iluminar nesa data algún edificio ou espazo público da cidade.